REDACCIÓN | Finalizou o verán e pasamos ao inverno. E, por iso mudan as rutinas e o tipo de emerxencias. E é que na anterior estación as xornadas se prolongaron e aumentaron as actividades no exterior -destacan as incidencias en espazos acuáticos-, no inverno pásase máis tempo a cuberto e os días encollen: hai que facer fronte aos incendios urbanos, ás intoxicacións por gas e aos efectos da meteoroloxía adversa. O certo é que estes cambios nas nosas rutinas fan que mude, tamén, a tipoloxía das emerxencias ás que se enfronta o 112 Galicia.
O paso pola nosa comunidade de borrascas de media e alta intensidade, así como o maior tempo que pasamos na casa e o uso de fontes de calor para combater as baixas temperaturas fan que no 112 Galicia aumenten as chamadas por incidencias na circulación, normalmente ocasionadas pola presenza de pólas, árbores, restos de vexetación arrancadas polo vento, ou mesmo bolsas de auga, desprendementos de terra e pedras; intoxicacións por monóxido de carbono debido á mala utilización das fontes de calor, e os lumes domésticos derivados do cociñado ou do uso abusivo das conexións eléctricas.
Campañas de concienciación
As campañas de concienciación realizadas polo 112 Galicia buscan contribuír a reducir os riscos asociados a estas emerxencias con recomendacións específicas.
No caso dos incendios urbanos trátase de accións sinxelas -altamente efectivas- como pode ser a instalación dun detector de fume no fogar, manter limpa a campá extractora e nunca deixar unha pota ao lume completamente desatendida.
Ademais cómpre a instalación de sistemas para a detección de monóxido de carbono no fogar ou asegurar a boa ventilación das estancias durante o uso de determinadas fontes de calor.
É necesario reiterar que o monóxido de carbono é difícil de detectar porque é incoloro e inodoro e adoita producirse por unha escasa osixenación. Por iso, o 112 Galicia insiste na importancia de garantir unha boa ventilación mentres utilizamos determinadas estufas, radiadores ou cociñas de leña.
Asímismo é importante evitar o uso destes aparatos como secadores de roupa, xa non só polos perigos dunha mala ventilación, senón porque aumenta o risco de incendio no fogar.
Igualmente, o bo mantemento das chemineas é esencial para gozar dunha casa segura, por iso, antes de que chegue o peor do inverno, cómpre realizar unha limpeza a fondo das fumeiras: a feluxe acumulada nos seus condutos son, nunha alta porcentaxe das veces, o combustible perfecto para un incendio.
Como preparar a nosa casa para a chegada do inverno
Coa chegada do inverno (ademais das baixas temperaturas), en Galicia caracterízase pola inestabilidade atmosférica debido a localización estratéxica da nosa comunidade nun túnel de paso de borrascas de media e alta intensidade.
A maneira de preparar a nosa vivenda para a nova estación é liberar as tubaxes e canalizacións de follas secas, asegurar o bo estado do tellado e bo funcionamento dos servizos básicos da vivenda.
Garantir o bo estado das infraestruturas domésticas pode afastarnos de moitos perigos relacionadas coa climatoloxía adversa: derrubamentos en caso de potentes nevaradas, ou caída de vexetación pola acción da chuvia e o vento.
Igualmente, estas accións preventivas poden marcar a diferencia en episodios adversos de alta intensidade, xa que a nosa casa pode converterse no mellor acubillo se, de antemán, coñecemos ben as súas fortalezas e as súas debilidades.
Máxima atención á información meteorolóxica
Do mesmo xeito, comezamos o período do ano no que máis atención debemos prestar á información meteorolóxica porque moitas veces condicionará os nosos desprazamentos tanto a pé como en vehículos.
Neste senso -sempre que poidamos- evitar saír é a máxima garantía, pero, en caso contrario, debemos escoller ben tanto o tipo de vía de circulación como o modelo de transporte que imos utilizar. Así, cando sexa posible, debemos decantarnos polo uso de estradas principais e o transporte colectivo.
En caso de desprazamentos a pé durante un episodio de meteoroloxía adversa, debemos ter presente a inestabilidade do mobiliario urbano e da vexetación. É importante que respectemos as indicacións das autoridades locais en canto á limitación de acceso a parques e espazos naturais, así como evitar achegarnos a diques, rompentes, paseos marítimos e praias, no caso de que os efectos meteorolóxicos comprometan, tamén, a seguridade no litoral marítimo.
Ademais, un edificio ruinoso constitúe un perigo e unha maceta nun balcón, tamén. Por iso, a recomendación desde o 112 Galicia é que, en caso de vento intenso, debemos retirar calquera obxecto susceptible de caer á rúa.
Ao volante, e con climatoloxía adversa, debemos asegurar o bo estado do vehículo. Así, antes de que as condicións se compliquen, realicemos unha revisión completa: pneumáticos, limpaparabrisas, líquido anticonxelante, batería...
Igualmente, sexamos conscientes de que, durante a condución e con climatoloxía adversa, un mínimo descoido pode resultar fatal, polo que, temos que axeitar a velocidade ás condicións da vía, abeiramos cando avanzar se converta nunha temeridade e sempre que a manobra estea permitida; nunca intentemos atravesar se a vía está inundada. Neste senso, debemos evitar o paso por pontes ante a posibilidade de aumentos repentinos de caudal e probabilidade de rupturas.
Por último, teñamos presente que o vento e a chuvia pode provocar desprendementos de terra e pedras, así como o desprazamento de mobiliario urbano e vexetación. De aí a importancia de escoller vías principais e axeitar a velocidade ás condicións da vía.