El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Cartas al Director

Nunca Máis reactívase para reclamar que se desvelen as incógnitas da vaga de lumes

Convoca unha manifestación o domingo en Santiago

14-08-2006

A plataforma cidadá Nunca Máis volve reactivarse a fin de canalizar o rexeitamento da sociedade galega ante a vaga de lumes que desde o pasado 4 de agosto afecta á Galicia. Os seus representantes afirmaron en Santiago que os cidadáns necesitan que se desvelen todas as incógnitas que rodean a unha situación que califican de "terrorismo incendiario", con "solucións e alternativas", como indicou o xerente da plataforma, Rafa Villar. De aí que unha das primeiras accións reivindicativas anunciadas pola organización sexa a convocatoria dunha manifestación este vindeiro 20 de agosto na Alameda da capital galega. O rexurdir de Nunca Máis e a concentración deste domingo pretenden representar e dar voz aos protagonistas desta "catástrofe", nun chamamento á sociedade galega "alto, aberto e sen exclusións", como destacou Villar. Segundo asegurou, as magnitudes da "traxedia", o seu impacto e a impotencia padecida polos galegos levou a que a plataforma xurdida da catástrofe do Prestige "dese resposta desde o espazo da reivindicación social". Unha resposta complementaria a colaboración prestada pola maioría dos cidadáns que contribuiron decisivamente na extinción de moitos lumes, como destacou. Baixo o lema de "Galicia contra o lume" ou "Lumes Nunca Máis" a plataforma quere facer oír ás voces autorizadas para así subliñar "a repulsa da sociedade galega" e evitar a impunidade para os responsábeis directos e indirectos. Amais, bríndase a solidariedade ante a perda de vidas, montes, paisaxe, cultivos e casas. O seu terceiro obxectivo é concienciar e presionar aos poderes públicos para que se produza un "cambio de rumbo" nas políticas agrarias e forestais de cara a modificar as características estruturais de Galicia que levan a que, reiteradamente, arda o monte cada ano. Explicacións Os portavoces de Nunca Máis sinalan que hai que ir máis aló da especulación e da polémica ao redor das presuntas tramas. No caso de que haxa beneficiarios destas accións, segundo afirma Villar, é o Goberno o que debe presentar as probas e facilitar a información necesaria para que se entenda o que hai detrás. "Trátase dun problema de orde pública que compete ás forzas de seguridade e aos órganos xudiciais", mantén. Eis que a organización se negue a facer valoracións de urxencia ante a vaga de lumes. Pola contra, o vindeiro domingo exporán unha táboa de reivindicacións, entre a que se acha a reclamación dun "gran pacto social" que potencie o desenvolvemento do medio rural para evitar máis lumes, como apuntou Uxía Senlle. Nunca Mais si aboga por revisar as políticas agrarias e forestais desenvolvidas nos últimos anos xa que, como destacou o portavoz da Coordinadora Galega de Montes Veciñais, Xosé Pereira, un dos principais problemas das 645.000 hectáreas de monte son "invisibéis para a sociedade". Ao seu xuízo, esta situación chega polo abandono do agro e pola potenciación en exclusiva dunha política forestalista, esquecendo que "o monte ten que ser multifuncional". E, por iso, asegura que hai que fixar poboación e emprego no eido rural. Non obstante, Pereira apunta a un "cambio cualitativo dos lumes", que este ano levou a presenciar un novo "modus operandi", co ataque a vivendas e núcleos de poboación. Neste senso, Uxía Senlle, aposta polo esclarecemento das incógnitas e a necesidade de seguir a colaborar na extinción dos lumes. Pola súa banda, o portavoz da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Daniel López Vispo, alertou das consecuencias da perda de superficie forestal, solo, hábitats e outras formas de recursos naturais, como pode ser o caso do turismo. A erosión e a contaminación de ríos e, polo tanto, das rías galegas, son os primeiros efectos ameazantes que, de persistir esta "catástrofe", mermarán as "capacidades naturais de Galicia para sobrevivir".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias