El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Cartas al Director

Touriño aposta por un proceso de reforma que permita acadar un Estatuto "de encontro, de primeira e de progreso"

Empraza a Feijóo a abandonar a estratexia de "dilación e obstrucionismo" contraria "á evolución do país"

27-10-2006

"O novo Estatuto de Galicia debe reunir a tripla condición de ser un Estatuto de encontro, un Estatuto de primeira e un Estatuto de progreso". Así o defendeu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, nunha conferencia no Club Faro de Vigo, na que emprazou ao líder do PP galego a abandonar a estratexia de "dilación e obstrucionismo" contraria "á evolución do país" seguida ata agora. Pediulle ademais ó líder da oposicion que emule aos conservadores andaluces, que accederon a que a definición de carácter nacional da comunidade apareza no preámbulo do novo texto. Na conferencia de clausura do ciclo "Estatuto de Autonomía de Galicia: O país que queremos", o máximo mandatario galego debullou as "claves de bóveda" que deberán soster o novo Estatuto de Galicia. O presidente sostivo que o proceso de reformas estatutarias encaixa con total normalidade no noso sistema democrático, pois a Constitución e os textos estatutarios así o prevén e regulan. "Non hai motivo, pois, para alarmismos políticos nin tremendismos interesados. As institucións da democracia funcionan. O Estado de Dereito funciona. España, rica na súa diversidade plural e unida nun proxecto común, funciona", concretou Pérez Touriño, quen dixo que na España das Autonomías "existen diferenzas, non privilexios". O presidente argumentou a necesidade da reforma non só polo feito de que Galicia acumule "moita demora" respecto doutras comunidades, senón porque nos 25 anos de vixencia do Estatuto galego se produciron "cambios políticos, sociais, económicos, culturais, tecnolóxicos" que así o esixen, como a integración europea, o desenvolvemento da sociedade da información ou da economía globalizada. "Erro profundo" Nesta tesitura, considerou que o PP galego "erra profundamente" ao ter adoptado unha estratexia "contraria á evolución do país" na que, primeiro, se negou a iniciar a reforma "por considerala innecesaria" e logo, adoptando unha "actitude dilatoria do proceso, en parte debida á súa supeditación extrema a Génova 13" e, en parte, "para tentar desgastar o Goberno que presido". Touriño lamentou que esta actitude de "dilación e obstrucionismo" estea a provocar que Galicia "vaia por detrás" respecto a outras autonomías. E puxo o exemplo de Andalucía, onde finalmente os populares accederon a que a definición de "realidade nacional" apareza no preámbulo da súa carta autonómica. "Confío en que o paso adiante que deron os conservadores andaluces derrube definitivamente o valado de receos e mimetismos que mantén o PP de Galicia. Porque non podo imaxinar que o galeguismo de Núñez Feijoo sexa máis morno, máis feble ou máis submiso que o andalucismo de Javier Arenas", manifestou. A este respecto, transmitiu a súa esperanza de que Feijóo aproveite o camiño aberto por Arenas "para liberarse desas ataduras orgánicas e persoais que só lle deixan autonomía para reducir o seu papel a un axioma falso: facer oposición é levarlle a contraria por sistema ao Goberno e, sobre todo, ao presidente". "Creo, sinceramente, que agardar a ver qué pasa non é unha boa estratexia. Porque cada minuto que gaña o Partido Popular é un minuto que perde a nosa comunidade autónoma", incidiu Pérez Touriño quen, sen embargo, considerou que aínda hai tempo para concluír a reforma no que resta deste ano, "se existe vontade política de facelo". "Nesta hora de Galicia cómpre desbotar os condicionantes sine qua non e os ultimatos esgrimidos como espada de Damocles", dixo o presidente, porque acometer a reforma estatutaria "esixe grandes doses de xenerosidade e incluso de renuncias a lexítimos postulados de partido" e porque "non debemos impoñernos máis lindes que as establecidas na Constitución e os que respondan á vontade do pobo galego". O presidente pasou así a desglosar os cinco eixes que deben permitir acadar un Estatuto "de encontro, de primeira e de progreso". O primeiro deles é lograr o consenso entre as forzas políticas, non só por esixencia legal senón para que por vez primeira na historia Galicia conte cun Estatuto "de todos e para todos, co cal se sintan identificados todos os galegos". "Un Estatuto de consenso garante estabilidade e lonxevidade. Pero, sobre todo, nos proporcionaría enorme fortaleza", explicou. Eixes da reforma O segundo pasa por elaborar un Estatuto de primeira o que, agregou, significa que o novo texto "non quede nin un milímetro por debaixo de ningún outro. "Nin en nivel de competencias. Nin en dereitos cidadáns. Nin en autonomía financeira. Nin en suficiencia de recursos. Nin en recoñecemento identitario. Nunca permitiriamos, nin o pobo galego o consentiría, un novo proxecto da aldraxe", expresou. O terceiro eixe marca a consecución dun Estatuto de progreso, que mellore a calidade do autogoberno. O presidente explicou que a reforma debe servir para crear un instrumento "axeitado ás novas circunstancias", que permita lograr un autogoberno "vigoroso e ben asentado" no tecido social e institucional e desenvolver as nosas capacidades "sen sentir eternamente que dependemos da axuda dos outros". "Temos que aspirar, nun horizonte de tempo razoable, a pasar de ser un país dependente necesariamente da subvención e da axuda externa a ser un país capaz de moverse, medrar e sustentarse por si mesmo", significou o presidente, que explicou que isto pasa necesariamente porque o Estatuto incorpore o máximo de competencias posible, establecendo cláusulas de salvagarda das competencias exclusivas da comunidade que eviten "inxerencias indebidas e conflitos xurídicos innecesarios". Este eixe completaríase co impulso de fórmulas de xestión cooperativa e consorciada para as competencias compartidas e a inclusión dun catálogo de novos dereitos e novos deberes cidadáns. Neste ámbito, salientou que o Estatuto debe promocionar a lingua galega -equiparándoa xuridicamente co castelán,- e a plena igualdade entre homes e mulleres. O cuarto eixe da proposta exposta polo presidente consiste no recoñecemento do carácter nacional de Galicia. Para iso, avogou por elaborar unha fórmula de consenso "que nos permita manter a posición relativa, o estatus que hoxe posuímos en relación coas demais nacionalidades e rexións que configuran o Estado español". A este respecto fixo un chamamento a non atizar "o lume dun debate nominalista que, ás veces, cobra tinturas grotescas". "O pobo galego é un pobo sereno e sosegado. Somos galegos e españois, ou españois e galegos, como prefiran, porque non facemos cuestión dun binomio que nos enriquece. E non estamos dispostos a automutilarnos nin a rabenar unha parte do noso ser histórico. Resulta tamén incuestionable que, por unha historia singular, por un territorio específico, por unha cultura e unha lingua propias, as nosas entrañas e a nosa fisionomía teñen un marcado carácter nacional. Non debe asustarnos a palabra: supón unicamente o recoñecemento da nosa personalidade", esgrimiu. En canto ao quinto eixe, Pérez Touriño defendeu un novo modelo de financiamento baseado en tres condicións: facilitar unha adecuada cobertura das necesidades de gasto, reforzar os mecanismos de reequilibrio territorial e corrixir o déficit histórico que, en materia de investimentos, arrastran determinadas comunidades autónomas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias