El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "A nosa prioridade é que a revolución dixital xere emprego en Galicia"

13-05-2021 19:56:21

MADRID | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, para repasar a axenda galega e a reactivación económica de Galicia nas cuestións que afectan a este ministerio. O líder socialista continúa así a súa ronda de xuntanzas, trasladando ao goberno de España as cuestións relevantes para os galegos e as galegas.

O máximo dirixente do PSdeG abordou coa vicepresidenta a reconstrución económica e social tralo paso da covid e coincidiron en que “a mellor reactivación é a que vai da man da recuperación do emprego”.

Neste senso, concordaron na necesidade de poñer en marcha políticas anticíclicas e expansivas para saír da crise, a diferencia da liña de recortes e austeridade que na anterior crise trouxeron consigo unha ralentización da recuperación e un incremento da desigualdade social. Así mesmo, destacaron a importancia das medidas sociais para posibilitar unha saída inclusiva desta crise.


Dixitalización e emprego 

Nese senso, Gonzalo Caballero abordou coa vicepresidenta a necesaria dixitalización da economía, e a conveniencia de incorporar a xeración de emprego como factor á hora de priorizar os proxectos que poidan captar fondos Next Generation. “A nosa prioridade é que a revolución dixital xere emprego en Galicia”, reivindicou o líder dos socialistas galegos, consciente de que a dixitalización da economía implica o reto de xerar novos tipos de traballos á vez que outros van mudando.


Intelixencia artificial

En particular, Gonzalo Caballero sinalou a potencialidade de Galicia nos eidos da dixitalización, novas tecnoloxías e intelixencia artificial. “A Cidade das TIC na Coruña, o CiTIUS de Santiago ou a facultade de Telecomunicacións de Vigo exemplifican a capacidade de centros galegos para xerar novo coñecemento”, destacou o máximo responsable do PSdeG, para quen os centros
de investigación galegos poden xogar un papel fundamental na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial. Ao respecto, a ministra amosouse “receptiva e comprometida" con Galicia.

Así mesmo, Gonzalo Caballero trasladou nesta xuntanza a importancia de avanzar cara unha industria 4.0 e de potenciar os hubs de innovación dixital de Galicia como “motor de modernización dos sectores produtivos galegos”. Ademais, o secretario xeral do PSdeG apuntou a necesidade de “mellorar a conectividade en todo territorio galego” e de “rematar con calquera tipo de fenda dixital”.


Axudas directas

Finalmente, Gonzalo Caballero e Nadia Calviño afondaron na relevancia de apoiar aos sectores máis golpeados pola crise derivada da pandemia, freando así o deterioro da economía e o avance da desigualdade social. “Hai que apoiar á cidadanía que atravesa dificultades”, defendeu o líder dos socialistas galegos.

Nesa liña, a ministra de Economía confirmou a Gonzalo Caballero a transferencia a Galicia de 234 millóns de euros para axudas directas destinadas a pemes e autónomos. Ao respecto, o dirixente do PSdeG destacou que “é o maior paquete da historia de axudas directas a pemes e autónomos de Galicia”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias