SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG iniciou
na Coruña unha campaña de recollida de sinaturas contra a subida da factura da
luz, cuestión da que fará “cabalo de batalla” polas graves consecuencias que
ten sobre as familias e sobre as pequenas e medianas empresas en plena crise.
“No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións
que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e
ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”, salientou a portavoz nacional,
Ana Pontón, que participou na primeira recollida de sinaturas xunto co portavoz
municipal, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e a deputada pola
Coruña Mercedes Queixas.
“Unha subida da luz que no caso concreto de Galiza é más escandalosa,
mesmo diría que é unha aberración, porque somos grandes produtores de
electricidade pero non temos ningún beneficio desa riqueza e todo iso mentres
se prepara unha invasión eólica a favor do lobby
eléctrico sen que este País teña ningunha compensación”, denunciou Pontón,
“temos dereito a unha tarifa da luz máis baixa por ser produtores e temos
dereito a que se poña fin ao espolio enerxético que soportamos”.
Galiza leva décadas soportando os custes ambientais e sociais pero cada
vez paga a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo polo alto prezo da
enerxía, como é o caso de Aluibérica
na Coruña.
Neste sentido, argumentou, “rebaixar a factura da luz é o maior incentivo
fiscal que podemos ter para que se instalen empresas no País e haxa
oportunidades en Galiza. Con esta campaña de recollida de sinaturas, o BNG vai
facer da defensa do dereito dos galegos e das galegas a ter un prezo da luz
máis baixo un cabalo de batalla porque é unha cuestión clave”, argumentou. A líder do Bloque foi moi crítica co feito de que o Goberno de Pedro
Sánchez sega os pasos que o PP neste asunto.
“O que está facendo o Executivo que se proclama o máis progresista da
historia é o mesmo que o PP, o mesmo que Feixóo desde a Xunta, gobernar para o sector eléctrico e por iso
esta campaña de recollida de sinaturas para plantarlle cara a unha subida que
ten consecuencias moi negativas para o conxunto da economía e para as maiorías
sociais: xa está ben de subir a factura da luz, xa está ben de portas
xiratorias e xa está ben de gobernar pensando no lobby eléctrico en lugar de considerar a enerxía como un ben
público cuxos beneficios debemos socializar”, argumentou Pontón.
Para abaratar o prezo da luz, o BNG defende a intervención pública no
sector enerxético e pon sobre a mesa medidas concretas e realizables se hai
vontade política. Empezando por reducir o IVE da luz ao 4% fronte ao 21% actual
e tamén propón suprimir o imposto especial á electricidade. Tarifa eléctrica galega para que as familias
e as empresas teñan unha factura máis barata e se beneficien de ser Galiza un
país rico en enerxía eléctrica.
Creación dunha empresa pública galega de enerxía, para camiñar cara unha
xestión pública dun servizo e dun ben de primeira necesidade e establecer medidas
para que non se lle poda cortar a luz a ningunha persoa ou familia sen
recursos. “Os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das
eléctricas”, alegou Pontón. Departamento de comunicación